lunes, 16 de marzo de 2020

PROPOSTA DE TRABALLO PARA O LUNS 16/03/2020

Bo día familias e nenos/as!

Debido á suspensión da actividade lectiva nos centros educativos por mor do COVID-19, empregaremos esta ferramenta dixital para comunicarnos e estar en contacto en todo o relacionado coa titorización e atención ao alumnado. 

Antes de nada recórdovos a tod@s que o xoves enviei o caderno de galego (páxinas 37 e 38), así como o libro de comprensión lectora (fichas 14 e 19).

Para comezar sería interesante realizar a ficha número 14 do libro de comprensión lectora. Normalmente adoitamos traballar con este libro os luns durante as dúas primeiras sesións, despois de levar a cabo a asemblea e o calendario. Quizais algúns xa a fixéchedes durante a fin de semana. No caso de ser así non vos preocupedes temos propostas de traballo para seguir traballando.

Podemos continuar coa ficha semanal que vos inclúo a continuación e que non me dou tempo de dárvola personalmente. Neste caso a ficha versa sobre contidos propios das materias de ciencias, tanto sociais como naturais. Recoméndovos que se podedes a fagades, xa que ao longo do curso as fichas semanais estaban relacionadas, principalmente, con contidos matemáticos e, nalgunhas ocasións, coas linguas pero case nunca coas ciencias.




















Se despois de todo isto, tendes máis tempo podedes acudir á marxe dereita do blogue e clicar nun apartado denominado Recursos e enlaces de matemáticas. Alí atoparedes varios enlaces que vos van levar a páxinas interactivas para poder traballar contidos, especialmente, de numeración.

Sería interesante facer algo todos os días. Evidentemente cada familia pode adaptar o traballo as súas circunstancias e recursos. Non todo o mundo ten porque ter dispositivos electrónicos, nin internet ou impresora. As fichas que vaia subindo podedes barallar imprimilas (se tendes ocasión), facelas oralmente cun adulto ao carón que poida verificar se as respostas son ou non correctas ou de forma tradicional con lapis e papel (mellor pautado). Neste caso teriamos que ir copiando os enunciados e as respostas ás tarefas. De ser así, obviamente o traballo e o esforzo é moito maior, por iso quizais non é necesario facer todas as actividades propostas.

Ínstovos a que non deixedes a lectura de lado, todo o contrario agora temos tempo ilimitado para gozar da lectura por pracer!

Agardo que dentro das circunstancias sexan uns días proveitosos. Para calquera dúbida podedes poñervos en contacto comigo a través do seguinte correo electrónico: segundoaoutes@gmail.com. Estade pendentes, tamén, da páxina web do colexio por se houbera novas importantes. Seguimos en contacto na rede! 

Recibide un afectuoso saúdo,

Eva.

No hay comentarios:

Publicar un comentario